Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pau ao patrimonio natural da Ribeira Sacra

Furarán ou non o Sil? Entre a mentira e a cerimonia do despiste

O Boletín Oficial do Estado publicou este mesmo mércores a declaración de impacto ambiental que a ministra dixo non ter asinado. "Espremen o país sen deixar apenas ingresos", quéixanse os ecoloxistas sobre Iberdrola.

Redacción - 09:00 10/07/2008

"Non pasou sequera unha semana e o BOE xa publicou o visto bo a este plan de Iberdrola", laiábase este mércores Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG, recordando que hai poucos días que a ministra de Medio Ambiente, a ourensá Elena Espinosa, negara ter asinado a Declaración de Impacto Ambiental que agora se fai pública. "Todo o mundo pode consultar a resolución de Medio Ambiente: foi asinada xa o pasado 23 de maio", sinala Pérez Bouza, acusando o ministerio de tratar de "enganar" os cidadáns sobre o proxecto de Iberdrola en Santo Estevo.

"Queda demostrado por escrito que a señora Espinosa mentiu", entenden ao respecto desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, criticando que o goberno español quixese sementar "confusión" sobre este asunto. Ao fío, critican as explicacións coas que se pretenden xustificar os proxectos de aproveitamento eléctrico na zona. "En contra do que queren dar a entender, actuacións como estas son unha agresión inadmisíbel ao patrimonio natural e aos ecosistemas protexidos", denuncian. De feito, advirten de que as alegacións realizadas polo grupo ecoloxista non foron incluídas no procedemento de consulta. Segundo o estudo de Adega os cascallos que produciría a apertura de túneles-galería que cómpren para levar adiante ese proxecto hidroeléctrico "vanlle afectar gravemente" á zona, así como tamén os efectos do caudal para o turbinado.

Oposición aos catro proxectos de Iberdrola e Fenosa para a zona
Xosé Manuel Pérez Bouza expuxo este mércores que o BNG oponse aos catro proxectos de aproveitamento hidroeléctricos no Sil e no Miño presentados tanto por Iberdrola como por Fenosa. Sobre o tema, Bouza considera que as administracións manteñen unha "posición incoherente". Á espera de coñecer o posicionamento do ministerio sobre os outros tres proxectos pendentes, o BNG solicitou a comparecencia da ministra no Senado para que "aclare, informe e explique" a súa posición en cada caso.

Por outra parte, Adega carga de xeito específico contra Iberdrola, de quen avalían que "apenas deixa ingresos no país", exportando a súa produción eléctrica e "sen xerar ningún posto de traballo aquí". "E todo para que o 30% da electricidade se perda na transmisión a longa distancia e nós teñamos que soportar os graves impactos ambientais que provoca", láianse.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: