Nun seu informe titulado Nenos en competición, a ONG denuncia a explotación infantil que se desenvolve nos deportes de elite.
Na presentación, esta cuarta feira, do seu informe Nenos en Competición (en pdf e en castelán), a ONG Save the Children denunciou que tres de cada dez nenos sofren graves riscos ao practicar deportes de competición. Tamén recollen que o 70 por cento dos mozos e mozas que compiten na elite resulta, en gran parte, beneficiado polo deporte, pero que o 20 por cento vive situacións perigosas, e o restante 10 por cento ve algúns dos seus dereitos violados.
Para esta ONG, a "explotación infantil" en alta competición estase estendendo, e púxose como exemplo a competición de boxeo en Tailandia, onde nenos de "só" cinco a nove anos son sometidos a "condicións terríbeis" de adestramento para iniciarse aos 12 ou 14 en combates oficiais deste deporte, que no país asiático move "enormes cantidades de diñeiro".
Os males do fútbol e da ximnasia
O informe tamén se refire aos nenos futbolistas e ximnastas. En canto ao fútbol, Save The Children alerta de que existe un tráfico de nenos futbolistas, que se captan en academias e fútbol e a través de axentes ilegais, para ir xogar dende África ou América Latina a Europa, onde, moitas veces, non atopan onde quedar, e terminan vivindo nas rúas. A ONG cifra en 600 os nenos que moran nas rúas de París, chegados dos seus a países de orixe para xogar na canteira dalgún clube importante.
Por outro lado, a ONG tamén alertou da ximnasia, que pode serrar problemas nos máis cativos, como lesións ou trastornos alimentarios, debidos aos adestramentos intensivos que poden causar importantes atrasos no crecemento das crianzas.
A recomendación coa que terminan é a de que ningún neno ou nena menor de 7 anos debera practicar un deporte de competición, e que até os 13 non se debería realizar unha práctica especializada.