Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Busca "garantir intereses gandeiros e conservación"

Medio Ambiente avanza o que será o "definitivo" Plan de Xestión do Lobo

A norma, que entrará en vigor en outubro unha vez a aprobe o Consello da Xunta, contempla a creación dunha mesa de seguimento.

Redacción - 18:15 08/07/2008

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, presentou este martes un avance do agardado Plan de Xestión do Lobo, que segundo informou entrará en vigor no mes de outubro, unha vez o aprobe o Consello da Xunta.

Fontes da consellaría afirmaron que a norma recolle as suxestións presentadas "hai un ano", cando se abriu a alegacións o decreto previo. Medio Ambiente decidira retiralo daquelas debido ao rexeitamento que provocou entre os axentes implicados, principalmente entre os grupos ecoloxistas que o cualificaron de simple regulamento de caza.

O texto avanzado este martes, debidamente desenvolvido, será o que finalmente se aprobe. Segundo a consellaría, "non hai lugar a un período de alegacións" porque este se abriu "hai un ano", houbo un "debate posterior na mesa de traballo" e, finalmente, unha serie de "conclusións consensuadas" recollidas no documento.

Foro do Lobo

Entre as liñas básicas do Plan, que pretende compatibilizar os intereses gandeiros coa protección da especie e que ten unha duración de dez anos, salienta a creación do Foro do Lobo, un comité de seguimento do cumprimento da norma, composto polos membros da mesa de traballo previa, é dicir, todos os axentes implicados.

Ademais, aposta por manter unha poboación "estábel e continua", similar á estabelecida oficialmente na actualidade; minimizar a conflitividade xerada polos danos na cabana gandeira mediante incentivos económicos, asesoramento técnico e métodos de prevención de danos; e fomentar o recoñecemento do lobo como recurso económico, mellorando a percepción que deste hai, implicando a todos os sectores.

Neste senso, Medio Ambiente vai propor a creación dun Centro de Interpretación do Lobo e a difusión de publicacións e exposicións itinerantes sobre esta especie. Así mesmo, promoverá accións encamiñadas a preservar o patrimonio etnográfico e cultural existente arredor da especie.

Zonificación

O documento estabelece ademais tres zonas de xestión, segundo determinados criterios de densidade e interacción coa gandería e danos á mesma. Dúas serán controladas en colaboración coas asociacións de cazadores, que levarán a cabo as batidas, e a terceira exclusivamente por técnicos da Administración.

O conselleiro non dixo explicitamente que concellos conformarán cada zona, mais podería ser que respectasen a mesma división presentada no primeiro borrador, xa que o censo recoñecido tanto antes como agora segue a ser tamén o mesmo.

Por outra banda, a consellaría asinou un convenio de colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino (Ovica) para a adquisición e cría de mastíns para a protección do gando, financiado con 40 mil euros.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: