Unha parella do blogomillo explora e critica os pratos que participan no concurso compostelán de tapas.
A cidade de Compostela está a vivir, dende finais de xuño até mediados de xullo, o primeiro concurso de tapas (ou petiscos) Santiago (é)tapas, que premiará as mellores mini-propostas gastronómicas dos bares e restaurantes participantes. A iniciativa pretende promocionar a nosa cociña e valorarase mediante o voto popular, que se pode reflectir nos pousavasos que se entregan con cada consumición. Pero xa está a haber, tamén, unha votación e seguimento no blogomillo.
Por unha banda, os blogogastrónomos tradicionais dedicáronlle cadanseu artigo ao certame, aínda que non se está a notar unha participación activa no mesmo. É o caso de Manuel Gago en Capítulo 0, Miguel Vila en Colineta ou o Gourmet de Provincias. Pero tamén hai blogueiros que anunciaron expresamente a súa intención de actuar de xurado, como AK-77 -que se queixa dos prezos-, ou, cun seguimento bastante exhaustivo, Fer e Xorna.
Os dous blogueiros están a facer un percorrido polos locais que participan no concurso, probando os diferentes petiscos e valorándoos, ademais de nos pousavasos, nas súas bitácoras, a xeito de crítica gastronómica. Xa avisan por adiantado que non son gastrónomos nin cociñeiros, aínda que as súas indicacións poden ser bastante útiles para a xente que desexe facer o mesmo percorrido, pois tamén informan dos prezos que, ás veces, son unha sorpresa. Ademais das tapas, teñen en conta a atención ao cliente e mesmo o feito de que usen o galego.
Aínda queda unha semana por diante e, polo momento, propuxéronse seguir a viaxe por Compostela adiante e, por suposto, contalo nos seus blogs.