Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Decisión da RAG

As Letras de 2009 hánselle dedicar a Ramón Piñeiro

O pai do chamado "galeguismo difuso" foi escollido este sábado ao mediodía pola Real Academia Galega.

Redacción - 14:22 05/07/2008
Ramón Piñeiro López

Ramón Piñeiro López

Era o favorito, e finalmente confirmouse: Ramón Piñeiro López vai ser o escritor e intelectual homenaxeado o 17 de maio de 2009, no Día das Letras.

Unha intensa actividade política
Ramón Piñeiro naceu en Láncara (Lugo) en 1915, e comezou a militar, sendo ben novo, nas Mocedades Galeguistas, onde había destacar de seguida. A seguir, pasou a facer parte do Partido Galeguista como secretario do comité provincial de Lugo (tiña 17 anos), cargo que se viu truncado pola Guerra Civil.

Despois da contenda, Piñeiro dedicouse a reorganizar o partido na clandestinidade (como membro do Comité Executivo, sendo secretario político), polo que foi detido e encarcerado en 1946. Ao saír da cadea, tres anos despois, Ramón Piñeiro comezou a defender a loita cultural fronte á política, en pleno enfrontamento entre os galeguistas do exilio (partidarios dunha loita de guerrilla) e os galeguistas "do interior", os que vivían en pleno franquismo e que se preocuparon máis por introducir aos máis novos na cultura galega, deixando de lado maiores aspiracións, e preparándose para a transición cara a democracia.

Nesta época (a chamada "transición") Piñeiro, que non deixara de defender o chamado "galeguismo difuso" (aquel que se baseaba en tinguir todos os partidos con pingas de galeguismo, no canto de facer un só partido de ideoloxía galeguista forte), formou parte do primeiro Parlamento Autonómico como deputado pola provincia da Coruña do PSdeG (foi de independente nas listas).

A súa actividade literaria
Na década dos 50, Piñeiro participou activamente na disolución do Partido Galeguista, e na creación da Editorial Galaxia, que comezou, en plena ditadura franquista, a publicar libros na nosa lingua, sobre asuntos relacionados coa sociedade e cultura galega. Piñeiro dirixiu a editorial e traballou nela até 1966. Alí publicou en 1953, xunto con outros autores, A Saudade, ensaios.

A súa obra non é moi abundante, e céntrase, na súa totalidade, na que se deu en chamar "filosofía da saudade". Así, a comezos dos 80, publicou Siñificado metafísico da saudade, notas pra unha filosofía galaico-portuguesa e Filosofía da saudade. Tamén destacan as súas traducións, en colaboración con Celestino Fernández de la Vega, das obras de Pokorny e Heidegger, que supuxeron no seu momento, segundo a RAG, "un paso decisivo na normalización do galego como lingua con capacidade para expresarse en todos os campos do saber, superando a súa cualificación como lingua "rural e poética" na que a tiñan encadrada moitos intelectuais españois da posguerra.

O seu labor normalizador
Tamén desenvolveu un importante labor ensaístico (recollido parcialmente nos libros Olladas no Futuro, Galicia, A Linguaxe e as linguas e Lembrando a Castelao), onde reflectiu o seu pensamento, salientando a necesidade da reafirmación cultural de Galicia como camiño fundamental para a súa realización como pobo.

A RAG tamén destacou o seu labor como "promotor da normalización da lingua galega nos anos difíciles da posguerra", que fica recollido en numeroso artigos, para escoller a súa figura para as Letras do ano que vén.

Os recoñecementos
En 1985 Piñeiro recibiu a Medalla Castelao. Tamén foi académico da RAG (ingresou en 1967 ) e primeiro presidente do Consello da Cultura Galega (elixido en 1983). Ademais, participou activamente na redacción da primeira Lei de Normalización Lingüística de Galicia.

Faleceu en 1990, e tres anos máis tarde creábase creaba o Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, institución que pasou a se chamar Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades en 1997.


2,26/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: