"Se un se adica a música, é para falar do que o toca", reflexionou o artista na presentación do seu quinto traballo.
Este xoves presentou Open Doors, a segunda entrega da serie GHU! Project, disco a septeto gravado polo artista e máis os seis compoñentes da súa banda, na que se atopan o trompetista Chris Kase ou o saxo Perico Sambeat.
Á súa moza
“Se un se adica a música, é para dicir a verdade, para falar do que o toca, do que lle fai ser sincero” Abe Rábade fixo de Open Doors un traballo máis intimista que calquera dos anteriores. Con temas adicados a súa irmá, a cidade de Compostela, ao desastre do Prestige e mesmo a súa moza Iria, Rábade entrega un traballo pousado e menos frenético. Open Doors ten que ver co momento que vive o compositor, é unha forma de encarar a vida "de portas abertas a todo", como unha "filosofía zen".
En forma de suite
O traballo ten oito temas, dos cales sete son orixinais de Rábade e máis unha versión do Inner Urge de Joe Henderson como tema de peche. Segundo palabras do compositor, podemos encontrar “solos memorables”, posto que se trata dun disco continuo, unha unidade en oito partes cada unha delas enlazada por solo de cada artista da banda, unha composición en forma de suite. Neste segundo volume do GHU! Project hai unha aposta forte por solistas de alto nivel.
As ilustracións da portada, da contra e do libriño do cd son creacións do artista compostelán Deli Sánchez, que fixo unha interpretación libre de todos os temas do album e máis un retrato de cada un dos sete compoñentes do GHU! Project.