A Axencia da ONU para os refuxiados, ACNUR, ven de presentar este xogo que ten como finalidade concienciar e educar.
Sensibilizar sobre problemas humanitarios e conflitivos é un dos obxectivos que se marca 'Contra vento o marea' (Play against all odds). É unha ferramenta educativa que quere achegar aos cidadáns os retos aos que se enfrontan diariamente millóns de persoas no mundo. Xógase na rede e está dirixido a mozos a partir dos sete anos.
O xogo divídese en tres etapas ou fases: 'guerra e represión', 'no país veciño' e 'unha nova vida'. Ao longo destes diferentes procesos, o xogador ten que superar diferentes adversidades como someterse a un interrogatorio, verse na necesidade de fuxir do país para manter a súa vida, atopar un tradutor no país de chegada ou mesmo conseguir traballo superando as trabas que o país de acollida lle impón.
Ao longo de todo o videoxogo hai enlaces con páxinas web de interese, que amplían información sobre a situación dos refuxiados. Asemade, ofrece un apartado adicado a mestres, para que o utilicen como un recurso das aulas. Neste eido, acompaña propostas sobre temas a debater na clase e información vencellada cos dereitos humanos e o traballo da ONU neste campo.
Antecedentes
Este videoxogo enmárcase nos chamados 'serius games' e xa se teñen probado con éxito diferentes propostas. "Contra vento e marea" é unha versión doutro semellante que se lanzara en Suecia en 2005. Outra incursión semellante no mundo dos videoxogos foi 'Darfur is dying', no que o usuario se poñía na pel dun desprazado e tiña que superar o día a día nun campamento de refuxiados. En ámbolos dous videoxogos, pódese xogar na rede, e están dispoñibles en varios idiomas.