Os colectivos promotores do primeiro Foro Social Galego fixan cita para o próximo mes de decembro.
Xuntar esforzos e voces desde un amplo abano de movementos sociais galegos en favor da visualización de alternativas á globalización neoliberal é a meta na que traballan os promotores deste primeiro Foro Social Galego. A cita quedou posta para os días 5, 6 e 7 de decembro.
Os seus promotores explicaron esta semana o proxecto, deseñado despois dunha asemblea de movementos sociais celebrada o pasado 29 de marzo, a partir da cal ser formou un comité dinamizador integrado, entre outros, polo Seminario Galego pola Paz, a Fundación Galiza Sempre, Amarante, Altermundo e as principais forzas sindicais. "Pensar e construír alternativas desde Galiza" será o lema do encontro, no que está prevista a participación de arredor de 200 organizacións, e arredor do que haberá debates, conferencias, concertos e outras actividades.
A encargada de programas e contidos do foro e membro da asociación Amarante, Fernanda Couñago, debullou que a xuntanza de decembro estará estruturada en catro eixos temáticos de actuación: estudio do modelo económico e límites de crecemento; análise da soberanía e da diversidade fronte á uniformidade e imperialismo; vida e traballo; e a defensa das liberdades e dos dereitos sociais.
O Foro Social Galego adopta a carta de principios do Foro Social Mundial, definíndose por exemplo como un "espazo aberto de encontro", e salientando a súa condición de "espazo plural e diversificado, non confesional, non gobernamental e non partidario, que artella de maneira descentralizada e en rede a entidades e movementos que estean involucrados en accións concretas pola construción dun mundo diferente, local ou internacional".
Deica decembro o punto de encontra na rede estará na web do Foro Social Galego.