Este sábado comeza o Campionato de Federacións de 1ª Categoría. Pese ás baixas, a selección galega conta con grandes atletas, como os lanzadores Dacal e de Santaló.
Cartaz do Campionato
Este sábado comeza en Avilés o Campionato Estatal Absoluto de Federacións de Primeira Categoría. Nel participan oito seleccións, tanto masculinas coma femininas, cun atleta por proba.
Galiza leva a 44 atletas a Avilés, que han disputar as 42 probas da competición. Aínda que o equipo masculino sofre as baixas de David Gómez e Álvaro Contreras (que van seleccionados pola RFEA para a Copa de Europa de Probas Combinadas) ou Lolo Penas (que se enfronta, o vindeiro 2 de xullo, ao Sono Olímpico), quedan atletas moi competitivos, segundo contan dende a Federación Galega, e fortes no seu terreo, como o plusmarquista estatal Gustavo Dacal, coa xavelina; José Palomanes, que destaca no triple salto; ou Isaac Vicente, no lanzamento de martelo.
O obxectivo primeiro, a permanencia; o segundo, gañar
No equipo feminino destaca tamén unha lanzadora de disco e peso, Mercedes de Santaló, segunda na listaxe estatal; ou Paula Campanero, que é sexta en pértega de todo o Estado. O obxectivo é superar as prazas do ano pasado, conseguir a permanencia e facer cantos máis puntos mellor, para ir rubindo posicións respecto doutras seleccións.
Nesta competición, ademais, os galegos estrean equipamento deportivo, e han recibir 12.000 euros, a repartir entre todos, pola súa participación. Ademais, a de Avilés é unha importante cita para conseguir mellores marcas persoais. O ano pasado, en Córdoba, as mozas conseguiron un quinto posto, mentres que os mozos, en Avilés, conseguían os ascenso da segunda á primeira categoría, ao seren primeiros.