Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
Día Contra a Tortura

Amnistía Internacional acusa o goberno irlandés de ser cómplice da tortura

O aeroporto de Shannon foi usado regularmente por avións nos que os EUA transportaban detidos.

María Golpe - 09:00 26/06/2008

Nun informe publicado esta semana, Amnesty International (State of denial: Europe’s role in rendition and secret detention) acusa a varios gobernos europeos, incluíndo Irlanda, de seren cómplices dos programas de detención secreta e ‘voos da tortura’, levados a cabo polos Estados Unidos.

O documento critica varios gobernos europeos por non admitir ou investigar violacións de dereitos humanos levadas a cabo polos seus cidadáns ou no seu territorio- e destaca que o aeroporto de Shannon (no condado de Clare - oeste da República de Irlanda) foi usado regularmente por avións provenientes ou con destino aos Estados Unidos transportando detidos.

Tres dos seis dos casos mencionados no informe de Amnistía Internacional, teñen implicacións directas co uso do aeroporto de Shannon en ‘voos da tortura’. Segundo Colm O’Gorman, de Amnistía Internacional Irlanda, o avión que levou Khaled al-Maqtari de Baghdad a Kabul – onde botou case tres anos no centro de detención da CIA - proviña de Shannon.

O informe de Amnistía Internacional esixe acción por parte dos gobernos europeos e reitera que os gobernos teñen a obriga de protexer o público de posíbeis ataques terroristas, pero sempre respectando os dereitos humanos e as leis internacionais.

Para conmemorar o Día Internacional Contra a Tortura e pedirlle ao goberno que cese de ser cómplice cos ‘voos da tortura’, Amnistía Internacional Irlanda organiza unha concentración o xoves 26 de xuño ás seis da tarde en O’Connell Street, en Dublín. En Galway, Amnistía Internacional celebrará o Freedom Festival a partir da unha da tarde; e en Wexford conmemorarase a xornada cun recital de poesía ás 19,30 no restaurante La Dolce Vita.


Ligazóns

3,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: