Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Discriminación lingüística

En Madrid din que non entenden o "dialecto" da "aldea"

Unha responsábel de Navantia en Madrid respóndelle ao escrito dun traballador ferrolán: "non sei se llo escribe seu fillo de 2 anos ou se é algún dialecto do que falan vostedes na aldea".

Redacción - 14:45 25/06/2008

Así lle respondeu unha responsábel do servizo técnico informático de Navantia a un traballador ferrolán, despois de ser preguntada sobre un erro na aplicación informática Nécora:

"Perdone mi torpeza, pero solo entiendo Necora y todavía no sé cuando le sale el error 'Autentificación de usuario fallida' (supongo que es un error ¿no?). El resto de su escrito no se si se lo escribe su hijo de 2 años o es algún dialecto con el que hablan ustedes en su aldea. En cualquier caso, no nos haga perder más tiempo, sobre todo, si realmente tiene algún problema"

O caso aconteceu cando Carlos Outeiro, coordinador da Mesa pola Normalización Lingüística en Ferrol e traballador de Navantia, remitiu un requirimento sobre unha incidencia técnica ao servizo informático, tal e como é habitual na empresa, e o servizo neste caso rebotou a mensaxe á delegación en Madrid sen o seu coñecemento. Desde alí foi onde unha muller do departamento lle respondeu deste xeito. "É un exabrupto e unha aldraxe que vai máis aló do nivel individual, xa que eu non coñecía a esta persoa de nada", explica Outeiro, queixándose ademais de que a dirección de Navantia non respondese até o de agora sobre o acontecido. O suceso produciuse o pasado 7 de maio, e foi posto en coñecemento do comité de empresa unha semana máis tarde. "A día de hoxe, a dirección aínda non contestou, polo que se entende que asume por pasiva o acontecido e que non lles preocupa facer nada para que este tipo de cousas non volvan suceder", sinala Carlos Outeiro.

Acumúlanse os casos de discriminación laboral a galego-falantes
Desde a Mesa consideran que se trata dun exemplo máis de "discriminación por razón lingüística", e advirten da "gravidade" de que acontecese nunha empresa pública. "Vemos outra vez dos obstáculos para que as persoas usen o galego con normalidade no seu ámbito laboral", sinala Carlos Callón, presidente da Mesa. "Lamentablemente, non é posíbel para moitas persoas desenvolver a súa vida con normalidade en galego, tampouco no ámbito laboral", láiase.

Callón chama ademais a atención sobre o paradoxo de que isto coincida co recente manifesto promovido por un grupo de intelectuais en Madrid que denuncian a presunta situación de perigo para o español. "Convidámolos a dárense unha volta por aquí para que vexan como aínda está por ver o primeiro caso de persoa discriminada por falar castelán no traballo", quéixase, "mentres os ataques ao galego se repiten unha e outra vez". O responsábel do colectivo chama a atención sobre o feixe de queixas que, a diferencia desta, permanecen ocultas, xa que aínda sendo postas en coñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística, os traballadores que as sofren "prefiren non facelas públicas por medo a represalias nos seus postos laborais actuais ou futuros".


4,85/5 (48 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: