O equipo galego vai presentar tres ciclistas á proba de contrarreloxo e quince á de fondo. Xunto coa ‘'Vuelta a España', é unha das probas máis significativas desta tempada.
O Karpin Galicia xa decidiu as formacións que vai enviar aos Campionatos Estatais de contrarreloxo e de fondo que se han desenvolver os vindeiros días 28 e 29 de xuño en Talavera de la Reina (Toledo).
No campionato de contrarreloxo han estar tres corredores: Gustavo C. Veloso, Serafín Martínez e Gonzalo Rabuñal. No campionato de fondo o equipo galego aliñará o cadro de corredores ao completo (coas únicas excepcións de Ezequiel Mosquera, convalecente da fractura de clavícula que sufriu na 'Volta a Cataluña', e obviamente, dos corredores rusos Eduard Vorganov e Vladimir Isaiychev, que esta fin de semana disputarán tamén os campionatos do seu país), é dicir, a David Abal, Carlos Castaño, Gustavo César Veloso, Jesús Cobelo, Gustavo Domínguez, Delio Fernández, Alberto Fernández, David García, David Herrero, Serafín Martínez, Iban Mayoz, Juan Francisco Mourón, Alejandro Paleo, Gonzalo Rabuñal e Ramón Troncoso.
A proba cronometrada desenvólvese sobre unha distancia de 30,2 quilómetros; e a de fondo sobre 219 quilómetros. O equipo galego presentase a esta cita, co estímulo da medalla de bronce acadada no 2007 en Cuenca, co seu ex corredor Eladio Jiménez.