No acto participarán Xosé Luís Méndez Ferrín, Dionisio Pereira e Xosé Henrique Costas.
O Premio Roberto Vidal Bolaño recoñece publicamente persoas e institucións que se distinguen na loita pola emancipación de Galicia e das súas clases populares. Este ano, na súa quinta edición, as Redes Escarlata recoñecen o labor de Felipe Lubián, alcalde do concello zamorano, de fala galega, pola súa defensa da lingua. O Premio entregarase no contexto da II Xeira de lingua e cultura galegas nas Portelas, que se celebrarán na Casa da Cultura de Lubián
Na acta do premio saliéntase que Felipe Lubián é merecedor do premio pola súa "defensa insobornable da galeguidade lingüística e cultural dos catro concellos galegófonos de Zamora en tódalas corporacións locais, provinciais e autonómicas das que formou parte desde hai 30 anos", ademais do seu "compromiso coa cultura popular, nomeadamente do teatro de base". Así mesmo, saliéntase que o homenaxeado fixo de Lubián "o único concello de fóra da Galicia administrativa onde o galego é lingua cooficial e da escola Tuela-Bibei de Lubián o único centro escolar de Zamora onde se ensina a Lingua Galega".
O acto comezará coa proxección do filme de Antón Dobao 'A Mariñeira', presentado polo seu propio director. Así mesmo, presentarase o número 73 d'A Trabe de Ouro, coa presenza de Xosé Luís Méndez Ferrín, Dionisio Pereira e Xosé Henrique Costas.