Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Política internacional logo de Bush

EUA retírase do Consello de Dereitos Humanos da ONU: E agora que?

Aínda que críticos, Obama avoga por traballar "dende dentro", mentres que McCain apoia a decisión e defende a creación dunha Liga das Democracias.

F.A. - 12:40 23/06/2008
O Consello de Dereitos Humanos da ONU reúnese en Xenebra

O Consello de Dereitos Humanos da ONU reúnese en Xenebra

Estados Unidos anunciou hai varios días a súa intención de abandonar definitivamente o Consello de Dereitos Humanos da ONU, onde ten status de observador (con dereito a falar, mais non a votar) e que criticou en numerosas ocasións polo seu cariz "anti-israelí".

O Consello, composto por 47 membros (entre outros, Alemaña, Arabia Saudí, Arxentina, Cuba, Canadá, Francia ou Ghana), creouse hai dous anos en substitución da Comisión de Dereitos Humanos, unha vez que esta caeu nun profundo descrédito pola súa ineficacia e excesiva politización.

EUA formaba parte daquela Comisión como membro de pleno dereito. Co estabelecemento do novo organismo, o país norteamericano perdeu o seu status. Agoiroulle pouco éxito dende un principio e, de feito, votou en contra da súa creación na Asemblea Xeral da ONU, alegando que a súa estrutura era defectuosa.

"O mellor xeito de influír é desde dentro"

Os grupos de dereitos humanos criticaron a decisión estadounidense (non anunciada oficialmente, e que se produce pouco despois dun ditame contrario ao tratamento de EUA ás crianzas en Iraq e Guantánamo) de desvincularse por completo do organismo, e describírona como unha "traizón" a quen loitan polos seus dereitos fundamentais.

"Necesitamos gobernos que se comprometan a facer deste un órgano efectivo, e o que non podemos ter é gobernos selectivos no seu enfoque dos dereitos humanos", sinalaron dende Human Rights Watch. "Na nosa opinión, se vostede non está satisfeito co desempeño do Consello de Dereitos Humanos, entón o mellor xeito de influír é desde dentro", dixo Rupert Colville, portavoz do organismo.

Neste senso semella ir enfocada a estratexia do candidato do Partido Demócrata á Presidencia de Estados Unidos. Barack Obama é partidario da permanencia do seu país no Consello, aínda que cuestiona o seu funcionamento: "Aprobou oito resolucións condenando a Israel, unha democracia con máis altos niveis en dereitos humanos ca os seus acusadores, e no entanto adoptou con moito esforzo resolucións para contraria a Sudán e Birmania".

Liga das Democracias

Pola súa banda, o seu rival do Partido Repúblicano, John McCain, votou en 2007 a prol de retirar os fondos que EUA entregaba ao Consello de Dereitos Humanos. Segundo este, o organismo da ONU "padece o mesmo tipo de problemas" que a Comisión antecesora.

McCain pon en dúbida o propio papel da ONU, e propón-promete a creación dunha Liga das Democracias no seu primeiro ano de mandato, onde evidentemente non terían cabida os países críticos coa posición do goberno estadounidense en política internacional nin en materia de dereitos humanos.


Ligazóns

3,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: