Despois de que o monarca abandonase o palacio real -convertido xa en museo- o goberno quere fóra os 60 animais que usaba para ter leite fresco.
O palacio real de Narayanhiti, no centro de Katmandú
No mes de maio, unha asemblea extraordinaria do parlamento do Nepal aprobaba a abolición da monarquía e a conversión do país nunha república logo de perto de 240 anos de reinados.
A semana pasada, Gyanendra, o último dos soberanos, abandonaba o palacio de Narayanhiti, oficialmente inaugurado este domingo como museo, e marchaba vivir como plebeo a un dos seus antigos refuxios de caza ás aforas da capital, Katmandú.
Mais o rei deixou tras de si numerosas propiedades. Entre estas un total de sesenta vacas que Gyanendra mantiña na leira do pazo para ter leite fresco a diario. Os animais, sagrados para os hindús e que vivían como raxás, serán os seguintes en abandonar Narayanhiti, anunciou este martes o goberno.
"Non podemos mantelas alí, mais aínda non hai unha decisión tomada sobre que se vai facer con elas", sinalou Govinda Prasad Kusum, responsábel de elaborar un inventario dos obxectos de valor que hai no interior do palacio. "Quizais o departamento de Gandaría debería usar as vacas con fins científicos" sinalou. En Nepal está prohibido o sacrificio de vacas.
O tesouro do palacio
Outras propiedades que Gyanendra atesouraba no palacio real inclúen coroas de diamantes, cetros, tronos e máis xoias, que serán expostas ao público dentro de dous meses cando o museo abra ao público. Tamén salienta un coche Mercedes-Benz que o líder nazi, Adolf Hitler, lle regalou a Tribhuvan, avó do rei saínte, en 1940.