Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Viraxe económica

O ministerio de Traballo cubano modifica a política salarial

O novo proxecto de Raúl Castro introduce bonificacións salariais en función de obxectivos e aumentos de produción.

Redacción - 16:30 13/06/2008
Raúl Castro

Raúl Castro

Trátase dunha iniciativa significativa, que se engade a outros cambios acontecidos nos últimos tempos, como é o caso da anunciada reforma agraria con entrega de terras a labregos, e a apertura do mercado interno á venda de produtos diversos (electrodomésticos, computadores e teléfonos móbiles).

Na práctica, implica a anulación do sistema de salario promedio, autorizando as bonificacións a traballadores en función da evolución do traballo. Ao respecto, Carlos Mateus, viceministro de Traballo de Cuba, explicou no Granma que o sistema salarial vixente até o de agora é na actualidade "inaplicábel". "O sistema de salarios diferentes axudará a mellorar a calidade da produción e dos servizos", indicou Mateus.

O ministro avanzou que varias empresas estatais xa iniciaron a supresión do tope salarial para os traballadores máis "hábiles na produción" e que nas próximas semanas continuará o cambio. "O sistema salarial tradicional en Cuba debilita o entusiasmo dos asalariados polo traballo, porque todos gañan igual por moi destacados que sexan no traballo", recolle o Granma ao fío.

"O feito de que se lles prohibise gastar os cartos non significa que non existisen", comenta ao respecto Fernando Ravsberg, correspondente da BBC na Habana, "hai pouco dicíame un economista cubano que tivemos 50 anos tratando de meter a realidade dentro do modelo económico e agora estaríase intentando adaptar o modelo económico á realidade, e a realidade é que existen diferencias sociais e que hai que terminar por aceptalo", di Ravsberg.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: