Con rebelión interna no Partido Laborista, o goberno británico necesitou dos votos dos unionistas irlandeses para botar adiante a iniciativa.
Foron un total de 315 votos a favor fronte a 306 deputados en contra. Entre os contrarios á decisión estiveron 37 representantes do laborismo, opostos á iniciativa do goberno británico que lidera o laborista Gordon Brown. A aprobación permitiuna finalmente o voto favorábel dalgunhas formacións minoritarias, principalmente dos nove deputados do DUP, os unionistas do Úlster.
A proposta que sae adiante permitirá que o prazo de prisión "preventiva" e "sen cargos" dos detidos que sexan cualificados polas forzas de seguridade como "sospeitosos" de relación con actividades terroristas, poida ampliarse dos 28 días actuais até un prazo "legal" de 48 días.
Diversos colectivos así como o Partido Conservador e o Partido Liberal Demócrata votaron contra a proposta argumentando que supón outro ataque ás liberdades civís. Inicialmente, até medio cento de deputados laboristas ameazaran con boicotear a proposta do executivo británico. Con todo, unha sondaxe publicada polo xornal The Daily Telegraph, informou esta semana de que sete de cada dez cidadáns están a favor no Reino Unido deste tipo de detencións sen cargos.
A información en The Guardian e The Daily Telegraph.