Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRESENTACIÓN DO PLAN DE ARTES ESCÉNICAS

As compañías teatrais duplicaron a súa facturación nesta lexislatura

O plan conta cun orzamento de 66 millóns de euros para o período 2008-2011.

Redacción - 11:00 11/06/2008

Ánxela Bugallo destacou que na presente lexislatura o volume de facturación das compañías teatrais galegas se duplicou con respecto á anterior. Así mesmo, a conselleira de Cultura explicou que as compañías teatrais galegas máis importantes realizan unha media de 25 funcións por cada espectáculo, polo que facturan de media uns 85.000 euros.

Tamén salientou que os ingresos das compañías de teatro galegas aumentaron de media nesta lexislatura un 16 por cento anual, unha porcentaxe que no caso dos monicreques elevouse ata o 38 por cento. Finalmente, apuntou que as axudas para o sector das artes escénicas pasaron de 2005 en 460.000 euros ás máis dun millón previstas para o presente exercicio.

O Plan Galego de Artes Escénicas, presentado este martes no Parlamento, conta cun orzamento de 66 millóns de euros para o período 2008-2011. Ánxela Bugallo destacou que se trata dunha "proposta integral, estratéxica e consensuada co sector", resultado de máis dun ano de traballo. Na súa opinión o plan "marca os pasos que teremos que dar conxunta e solidariamente". A responsábel de Cultura cualificou de "grave" que o PP non apoie un texto deseñado e aceptado por todos os implicados, polo que deduce que os populares "non leron o texto".

Villarino chámalle a atención a López-Chaves por non debatir o Plan
Pola súa banda, o deputado popular Ignacio López Chaves criticou do plan que se presente a final de lexislatura e que, segundo el, careza de dotación orzamentaria. De todos os xeitos, o plan apenas tivo espazo na súa intervención, o que levou á presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, a chamarlle a atención. En concreto, o portavoz do PP de Cultura referiuse, entre outros asuntos, ao Igaem, a supostas irregularidades en contratos na consellería, á suposta ocultación de datos e ás xa recorrentes facturas da Feira do Libro da Habana.

En resposta, Bugallo retrucoulle ironicamente que "o problema do Plan Galego das Artes Escénicas é que non ten un capítulo dedicado ás artes escénicas do portavoz do PP", tras o cal asegurou que o PGAE conta con orzamento e destacou que unha comisión velará polo seu desenvolvemento e contribuirá a melloralo sobre a marcha. "A de votos que perde no ámbito cultural cada vez que abre a boca e emite as súas teorías", engadiu sobre López Chaves o deputado do BNG Xosé Ramón Paz Antón. "As súas intervencións son un escándalo parlamentario", concluíu o socialista Francisco Cerviño, tamén en referencia ao parlamentario do PP.


Ligazóns

1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: