O mércores estrease en Concarneau o documental, que relata a fazaña dun pesqueiro que en 1937 fuxiu do Grove e cruzou o Atlántico.
En agosto de 1937 dezaoito homes deixan o porto do Grove a bordo dun pequeno pesqueiro. As autoridades franquistas denuncian a fuxida do Novo Emden, que recala na vila de Concarneau, na Bretaña. Pouco despois, os mariñeiros realizan unha nova fazaña: cruzan o Atlántico no seu pequeno atuneiro e chegan á Habana, onde fican. No Grove pouca xente lembraba xa esta historia, falecidos todos os seus protagonistas, agás Arturo Meis, o máis novo, que con 84 anos vive en Miami.
Este mércores estréase no Centro des Arts da mesma localidade bretona un documental que relata a aventura destes homes e deste barco. O seu director, Marcos Gallego, di que chegou á historia "por casualidade", a través dun patrón de veleiros. Esa primeira información levouno a un libro, escrito por un dos tripulantes do barco (Ramón Garrido Vidal), e o libro á investigación para recoller testemuñas e lembranzas: "Foi un proceso detectivesco que levamos a cabo en tres direccións: no Grove, onde tivemos a colaboración de moita xente que está traballando para recuperar a memoria histórica, como Mascato; no arquivo da causa militar e máis en Francia, na Bretaña, onde tamén atopamos moita información", conta Gallego.
Un único supervivinte
O equipo contactou en Florida co único supervivinte, Arturo Meis, "un home de 84 anos que vive en Miami, que a tal hora ten graves problemas físicos, está ceguiño e con problemas de memoria". Marcos Gallego conta que estivo tres días con el, "atopámolo extraordinariamente contento porque alguén contase a súa historia". Ademais, falaron con parentes e descendentes dos heroes do Novo Emden, e con outros personaxes, como Carlos Fernández, un galego que na Bretaña dedicábase a axudar a aqueles que fuxían do fascismo español.
"Queriamos contar a odisea destes homes, e a súa propia historia determinou o tipo de película que queriamos facer", explica Gallego que engade que "quixemos que fosen os propios habitantes do Grove quen contasen a historia dos seus paisanos: son eles os narradores e os que realizan a investigación; non hai voz en off".
Foi un acto político? Ramón Garrido conta no seu libro de memorias que "Ningún de nós destacara politicamente en nada. Iso si, os tres éramos demócratas e avogabamos, cando a ocasión o permitía, por un Goberno que limitase as inxustizas e permitise a magnifica xuventude de aquel tempo encontrar un cauce apropiado para acadar a plenitude. Non pedíamos a lúa, pediamos a desaparición do paro obreiro e a democratización do país". Estes pescadores foron até Francia empurrados fundamentalmente pola situación de miseria, represión e violencia que ameazaba as súas vidas, as das súas familias e tamén as de todos aqueles que publicamente tivesen apoiado a República legalmente constituída e que agora eran considerados inimigos do glorioso movimiento nacional.
Feira Marítima de Brest
O filme estréase na Bretaña semanas antes de que Galiza sexa o país convidado na Feira Marítima de Brest, onde é moi posíbel que se proxecte de novo o documental. "Pode que non sexa unha embarcación tradicional, pero o atuneiro estaba construído na Pobra do Caramiñal", salienta Marcos Gallego, que apunta que o filme podería mesmo abrir a participación galega na Feira.