Esta fin de semana comeza a XI edición do Campionato Luso Galaico, homologada polas federacións galega e portuguesa.
A XI edición do Campionato Luso Galaico desenvólvese este sábado e domingo en Viana do Castelo (Portugal), e nela participan algúns dos mellores surfistas de Portugal e Galiza.
A proba, que reparte 8.000 euros en premios, está organizada polo Surf Clube de Viana, e homologada polas Federacións Portuguesa e Galega de Surf (FPS e FGS).
Unha das novidades desta edición é a realización de varias exhibicións: na Praia do Cadedelo, de Kitesurf, e na de Carreço, de Downhill (descender pola parte máis elevada da onda). Tamén hai organizados varios encontros entre os amantes do surf dun e doutro lado da raia, alén das iniciativas ambientais que van desenvolver dende o Surf Clube de Viana que, como representante da Surfrider Foundation, quere alertar aos participantes dos principais problemas de contaminación, relacionados co mar, o litoral e as ondas.