Advirten do problema que isto crea en zonas onde a proporción de médicos por persoa xa é baixa.
A conselleira de Saúde do goberno catalán propúxolle ao Ministerio de Sanidade que a falta de médicos que se está detectando no conxunto do Estado se resolva coa contratación de persoal doutros países. Unha iniciativa que segundo a plataforma Saúde para o Desenvolvemento pode prexudicar a algúns países do sur.
Segundo as organizacións Farmacéuticos Mundi e Medicus Mundi Cataluña, impulsoras da campaña Saúde para o Desenvolvemento, a proposta do Departamento de Saúde da Generalitat de Cataluña para paliar a falta de persoal médico con profesionais doutros países pode afectar de xeito negativo aos países do sur, causando unha "fuga de cerebros".
A conselleira de saúde catalá, Marina Geli, propúxolle esta medida ao ministro de Saúde español, Bernat Soria, para paliar a falta de persoal médico que existe en Cataluña e facerlle fronte ao aumento da demanda de médicos durante os meses de verán.
Desde a campaña Saúde para o Desenvolvemento advirten que a contratación de persoas estranxeiras pode crear "un problema nos países de orixe" sobre todo nos que a proporción de médicos por habitante é inferior neste caso á catalá, e din que para modificar a situación necesítase "unha mellor previsión e planificación dos recursos humanos existentes".
"Denunciamos que esta estratexia pode estimular a fuga de persoal médico formado nos países empobrecidos e que a política do Departamento de Saúde é incoherente con outras políticas adoptadas polo mesmo goberno", apuntan as dúas ONG.
Un exemplo, segundo Farmamundi e Medicus Mundi Cataluña, é a política de cooperación catalá, cuxo Plan Director de Cooperación ao Desenvolvemento recolle como obxectivos a mellora dos sistemas de saúde públicos no sur e o aumento das capacidades de xestión e a formación en materia sanitaria nestes países.