Presentouse no Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica o Plano Galego de Artes Escénicas (2008-2011).
O director do FITEI, o actor Mário Moutinho, referiuse este xoves ás axudas públicas á promoción das artes escénicas, aproveitando a presentación no marco do festival do Plano Galego de Artes Escénicas (2008-2011) da Consellaría de Cultura, dotado con 66 millóns de euros. O director do FITEI aproveitou para comparar o modelo galego de axudas co portugués.
Moutinho non se referiu tanto ás cantidades destinadas á promoción do teatrom como ás súas características: "claro que os montantes dos apoios en España son sempre bastante máis elevados que os existentes en Portugal mais calquera comparación é complicada, os dous sistemas teñen obxectos diferentes", dixo.
Mentres en Portugal os apoios son dados directamente á compañías e ás súas producións a gran intención do Plano galego é apoiar a representación dos espectáculos por toda Galiza e polo exterior, sexa en Portugal ou en España.
Para Mário Moutinho, o máis interesante que esta presentación do plano galego suscita é unha comparación da eficacia dos dous sistemas de apoio, ou sexa "o que se fai mellor alí e acá". "Penso que, no que respecta ao apoio á creación de novas estruturas e ao apoio a pequenas compañías xa institucionalizadas, o sistema portugués é capaz de funcionar mellor. Para as compañías vocacionadas para as xiras, o modelo galego de apoio é máis vantaxoso", considerou o director do FITEI.