Malia que o director xeral da Unesco lle urxira hai xa meses a Touriño a mirar pola iniciativa galego-portuguesa, o primeiro empurrón chega desde o executivo luso.
A nova oportunidade na Unesco para a iniciativa galego-portuguesa recibe un primeiro empurrón desde Portugal, onde desde o Ministerio de Cultura, o executivo se comprometeu esta semana a colaborar nos traballos de reformulación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, promovida pola asociación cultural e pedagóxica Ponte nas Ondas. No proxecto de redeseño traballaban xa desde hai meses especialistas de varias universidades e institucións.
Á volta do primeiro intento, hai xa tres anos, a propia Unesco recoñecera a calidade da proposta galaico-portuguesa e animara a Ponte nas Ondas a repetir, estabelecendo unhas recomendacións de cara á revisión do proxecto. Fundamentalmente, e alén de loar a amplitude e pluralidade da iniciativa, chamaban a concentrar a atención nun conxunto concreto de manifestacións do patrimonio inmaterial galego-portugués, "intensificando" as medidas propostas sobre algunhas expresións culturais específicas.
Sen resposta do presidente da Xunta
Durante unha visita do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a París o pasado mes de abril, era o propio director xeral da Unesco, Koichiro Maatsura, quen se encargaba de recordarlle a calidade da proposta galego-portuguesa, animando a Galiza a repetir e presentárena de novo en canto se abrise outra vez o proceso.
Aproveitando esa ocasión, Ponte nas Ondas pediulle xa unha entrevista ao presidente da Xunta o pasado mes de abril, e insistiu novamente en maio, para exporlle os traballos que se están a realizar e as necesidades de xestión do proceso en colaboración cos gobernos portugués e español. Unha resposta que urxe, xa que o prazo para a inscrición da candidatura galego-portuguesa remata o próximo 30 de agosto, e de momento o goberno portugués é o único que amosou a súa disposición favorábel á presentación da candidatura.
XIV Xornada Ponte... nas Ondas!
Este venres 6 de xuño, os escolares participantes na XIV edición de Ponte...nas ondas! erguerán novamente as súas voces para reclamar unha nova oportunidade para este patrimonio común. Setenta escolas de todo o mundo fornecerán de contido unha xornada radiofónica, televisiva e á que a rede tamén se unirá, a través de Vieiros. Haberá sorteo de premios entre os internautas que envíen SMS, textos que inclúan a palabra "ponte" e para os que participen no trivial sobre identidade e territorio.