Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Escándalo no fútbol portugués

O FC Porto fica fóra da Liga de Campións por un ano

O clube foi expulsado pola UEFA, após ser condenado por dúas tentativas de corrupción pola Liga Portuguesa de Futebol Profissional (LPFP).

Redacción - 18:14 04/06/2008
O banco do Porto

O banco do Porto

Os "dragões" xa anunciaron que van recorrer a decisión da UEFA de excluílos da vindeira edición da Liga de Campións por dúas tentativas de suborno a varios árbitros da Liga Portuguesa de Futebol Profissional (LPFP), o chamado caso do 'Apito Final'.

A noticia dábaa esta cuarta feira o Comité de Control e Disciplina da UEFA, após reunirse en Nyon (Suíza) e determinar que os actos do FC Porto corresponden a "unha actividade que tiña como obxectivo pactar ou influenciar o resultado dun partido", e tal como fica estipulado no punto 1.04 do Regulamento de Competicións da Liga de Campións, o clube non poderá participar este ano na competición.

A noticia da expulsión, difundida en Suíza (onde está concentrada a selección portuguesa, preparando a Eurocopa) e dada a coñecer de inmediato polos xornalistas lusos, caeu como unha xerra de auga fría sobre os medios deportivos do país veciño, que abren coa nova de que o equipo que gañou a liga portuguesa nas tres últimas tempadas non poderá demostrar a súa forza en Europa. Aínda que xa toda esta semana se cheiraba a posíbel expulsión, posto que se falaba da carta que a Federação Portuguesa de Futebol (FPF) enviara á UEFA, poñéndoos ao tanto de todo o caso.

O Porto vai recorrer
O anuncio foi feito ao final da maná pola Futebol Clube do Porto-Futebol, SAD à Comissão do Mercado dos Valores Mobiliários (CMVM). O clube ten agora tres días para recorrer ante o Comité de Apelación da UEFA, podendo despois apelar ante o Tribunal Arbitral do Deporte (TAD). Mais, pode ser que o primeiro recurso non chegue a ser admitido a tempo, posto que este Comité do organismo europeo tarda, de media, seis meses en tomar unha decisión.

De acordo cos regulamentos, o lugar do Porto sería ocupado polo Vitória de Guimarães, que terminou a Liga portuguesa no terceiro lugar, e que xogaría a Champions a carón do Sporting, segundo clasificado. Por outro lado, o Benfica, que foi cuarto, ha pasar a xogar a Copa da UEFA, substituíndo o Vitória de Guimarães.

A UEFA terá, mentres, que ratificar as alteracións da representación portuguesa nas competicións europeas, despois de solicitarlle á Federación Portuguesa (FPF) unha nova lista dos clubes habilitados deportivamente.

O caso polo que os condenan

Polo caso do 'Apito Final', no que se investigaron supostos subornos aos árbitros da liga portuguesa, o presidente do Porto, Pinto da Costa, foi condenado, o pasado 9 de maio, a dous anos de inhabilitación, mentres que o clube foi sancionado con 150 mil euros e a perda de seis puntos, o que non lle impediu gañar a súa terceira liga consecutiva.

O caso pechouse, ademais, coa condena de descenso de categoría do Boavista, por probados actos de coacción sobre os colexiados nun partido fronte ao Benfica, en xaneiro de 2004; e a retirada de tres puntos ao club União de Leiria por tentativa de corrupción nun encontro da mesma tempada.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: