O traballo determina que o ácido málico pode evitar as infeccións dixestivas dos ruminantes.
Vacas rumiando
Un grupo de investigadores da Facultade de Veterinaria de Lugo atopou un substituto para os antibióticos que se lles subministraban aos tenreiros até a súa prohibición en 2006. Segundo o traballo do grupo Metanimal, dirixido por Xosé Luís Benedito, o ácido málico pode servir para evitar as enfermidades da súa panza.
O equipo emprendeu o estudo para atopar unha solución para os produtores, e concluíu que o mellor substitutivo da monensina, produto prohibido, é o ácido málico, que é eficaz e económico. Outra solución, máis cara, sería o uso de fermentos e lévedos, que tamén poden paliar enfermidades como a acidose, bastante común nas granxas.
A explotación intensiva dos tenreiros de cebo e mais das vacas leiteiras provoca neles un cambio no ritmo de produción, que dexenera en estrés, que desemboca en enfermidades como consecuencia dunha baixa inmunidade. Agora, o grupo trata de estabelecer o grao de estrés preciso para evitar a aparición das doenzas. Segundo explica Benedito Castellote, "é moito máis importante non forzar ao máximo o animal na produción e poder alongar o seu ciclo vital".
Outra das liñas de traballo é a acumulación de metais pesados no organismo dos ruminantes. Queren saber se elementos como o cobre, que forma parte dos promotores de crecemento que se usan na cría intensiva, poden ter repercusión na saúde humana, ademais de seren tóxicos para os propios animais.
O cobre, que pode chegar tamén ás vacas pola contaminación dos pastos a través do purín, acumúlase no fígado, e podería ser nocivo para os humanos que consuman a víscera se a inxesta fose diaria.