O disco, baseado en Linux, inclúe ferramentas tanto para persoas invidentes como con visión limitada.
Os coruñeses David Cabrero, Juan Buño e Sergio Rodríguez son os creadores de Lazarux, unha distribución de Linux pensada para persoas con discapacidade visual. O software inclúe ferramentas como un sintetizador de voz para facilitarlles o uso do computador ás persoas invidentes e magnificadores de pantalla para usuarios con visión limitada.
Juan Buño asegura, en declaracións a Europa Press, que o desenvolvemento do software permitirá que dentro dun ou dous anos as persoas invidentes se poidan desenvolver autonomamente cos computadores e mesmo instalar programas sen a axuda doutros usuarios. Polo momento, só se poden desenvolver en solitario tarefas básicas, como editar textos, consultar o correo ou navegar polo sistema.
Segundo Buño, estas posibilidades só as pode fornecer un sistema operativo libre, como Linux, e que pretende impulsalo para que as persoas cegas poidan dispoñer de software de xeito gratuíto. Aínda así, recoñeceu que tamén hai avances en software privativo.