Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Enganosa campaña da Xunta para promocionar a futura ZEPA

A FEG reclama veracidade e pasos responsábeis para a declaración da ZEPA da Limia

A FEG solicita a retirada inmediata da nova campaña da Consellaría de Medio Ambiente con relación á futura ZEPA da Limia, "A Limia; A Limia mira cara o futuro" por incluir parágrafos con información falsa e enganosa con respecto a diferentes normativas de protección que caben aplicar para estas áreas.

FEG - 14:15 30/05/2008

A situación respecto á inclusión da Limia como ZEPA é moi tensa, con grande presión por parte dos axentes sociais e económicos implicados. Este invento de propoñer saltarse a lexislación pode supor o detonante final para que as negociacións da ZEPA acaben fracasando estrepitosamente. A FEG vai poñer este documento en coñecemento da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, conxuntamente con máis información ao respecto do que consideramos coma un insuficiente esforzo en canto a superficie que o goberno galego propón para resolver a denuncia interposta por Europa contra o estado español pola súa escasa participación na declaración de ZEPAS. A FEG mostra todo o seu apoio a favor da declaración da ZEPA da Limia, a principal área terrestre en canto importancia ornítica galega e unha das de maior interese do noroeste peninsular, e aboga por unha ZEPA con tódalas súas consecuencias e implicacións legais e que recolla toda a representatividade de hábitats protexidos que se dan na comarca da Limia.

A FEG considera insólito e gravísimo que unha administración pública coa máxima responsabilidade na protección ambiental asegure (ver documento anexo) que non existe ningunha normativa que indique que unha ZEPA (Zona de Especial Protección das Aves) obrigue a considerar as ZEPAS coma espazos naturais protexidos. Concretamente o documento publicado a modo de folleto divulgativo recolle que "Ningunha directiva europea, nin estatal, nin autonómica obriga a considerar as ZEPAS coma espazos naturais protexidos, polo que non son de aplicación neste caso as normas que isto conleva".

Consideramos dunha grande torpeza e profundo erro o enfoque dado, xa que publicitar que unha ZEPA non conleva prácticamente a ningún compromiso de protección especial para as áreas naturais así declaradas é sinxelamente falso, e a poboación debe estar perfectamente asesorada e informada de tódalas implicacións legais que supón a declaración con esta figura de protección. Os propietarios non poden ser inganados desta maneira, xa que non se lle fai ningún favor a consolidación da protección e conservación destas áreas de tanta importancia ecolóxica e para a biodiversidade. Nin tampouco aos agricultores e propietarios.

A FEG quere suliñar que con respecto a normativa Europea pódese citar tanto a Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres e pola que se declaran os espazos da Rede Natura 2000 (ver o seu artigo 3), coma a Directiva 79/409/CEE, relativa á conservación das aves silvestres, normas que son bastante claras e exlplícitas ao respecto. Con relación á normativa estatal, mencionar o artigo 41 e 45 da Ley 42/2007, de 13 de diciembre del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad. Pero que ademáis a propia Lei 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación da Natureza de Galicia considera as ZEPAs na categoría de espazos naturais protexidos coma "Zona de Especial Protección dos Valores Naturais" ( artigo 9 e 16).

A FEG recorda que a ineficacia na xestión e implantación da Rede Natura 2000, constituída por Lugares de Interese Comunitario e ZEPAS, pode derivar en algo así coma a crise que no seu día supuso non informar adecuada e rigorosamente aos gandeiros galegos sobre a repercusión que tería no futuro a aplicación da cuota leiteira, xa que a reforma da Política Agraria Comunitaria mediante o Regulamento (CE) 1782/2003 recolle un novo concepto que os Estados Membros deben enfrentarse: a "condicionalidade", que ten entre os seus principias obxectivos a conservación do medioambiente e do medio rural, e que implica que os agricultores e gandeiros deben cumprir unha serie de requisitos legais de xestión e de boas condicións agrarias e medioambientais, para non ver reducidas, ou incluso eliminadas, as axudas directas que veñen recibindo da PAC. Neste sentido o RD 2352/2004, sobre a aplicación da condicionalidade en relación coas axudas directas no marco da política agraria común introduce a obrigación dos agricultores e gandeiros que reciben pagos directos de cumprir entre outros cos seguintes requisitos de xestión legal: Con relación a Directiva de Aves, cumprir co disposto nos artigos 3,4,6,7 e 8. Con relación a Directiva de Hábitats, cumpir co disposto nos artigos 6,13,15 e 22. Con relación á Directiva 91/676, sobre a protección das augas contra a contaminación producida por nitratos, debe cumprir cos artigos 4 e 5.

A FEG considera que con este folleto a Consellería de Medio Ambiente ademáis de poñer en risco o éxito de conservación da ZEPA da Limia xoga a ruleta rusa coa financiación Europea para as actividades agrícolas e gandeiras da zona.


Documentos

5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: