A Xustiza exipcia ditou nove sentenzas de prisión polo momento, xa que considera que os seropositivos son unha ameaza pública.
Un tribunal de apelación do Cairo ratificou a condena máxima de tres anos de prisión imposta a cinco homes seropositivos encarcerados previamente por un "delito de libertinaxe" (expresión que na lexislación de Exipto fai referencia as relación sexuais consentidas entre persoas do mesmo sexo).
En total, nove persoas na mesma situación xa foron sentenciadas pola Xustiza, que as considera unha "ameaza pública". Dende outubro de 2007, a Policía do Cairo arrestou unha ducia de homes sospeitosos de seren seropositivos. Tres dos detidos foron postos en liberdade sen cargos, logo de que deran un resultado negativo nas probas do VIH, namentres que os outros sufriron todo tipo de vexacións.
A campaña de acoso por parte das institucións do país iniciouse cando un home detido na rúa tras un altercado díxolles aos axentes que tiña o VIH. Os policías levárono a el e mais ao seu acompañante á comisaría. Alí bateron e abusaron deles para que lles desen información sobre os seus 'contactos sexuais', informan as axencias internacionais.
A decisión do tribunal de apelación provocou novas protestas dos grupos de dereitos humanos nacionais e internacionais. "Enviar estes homes a prisión por ser portadores do VIH é inhumano e inxusto", sinalou Human Rights Watch nun comunicado esta quinta feira. Tamén a axencia da ONU para a sida (UNAIDS, nas súas siglas en inglés) , expresou as súas protestas polo tratamento que reciben os seropositivos en Exipto.