Hai 105 nas praias e nos portos deportivos galegos. Quedan sen ela os concellos de Vilagarcía de Arousa, Xove, Porto do Son, Fisterra, Rianxo, Carnota e Cedeira.
O litoral galego ha lucir este verán 105 bandeiras azuis, 101 delas nas praias e catro nos portos deportivos.
Deste xeito, respecto do ano pasado, Galiza perde 22 destas bandeiras que recoñecen a calidade das súas augas, a accesibilidade dos areais ou instalacións portuarias ou o respecto á lexislación ambiental, entre outras cousas.
Dentro do Estado Español, foi Galiza a Comunidade Autónoma que máis destas bandeiras perdeu, de xeito que pasa a ser a segunda na listaxe de comunidades con máis bandeiras, por detrás de Cataluña (que ten menos praias que Galiza, 92; pero máis portos deportivos, con 22).
Quen quedou sen bandeira?
Este verán quedaron sen o prezado pano azul os areais de Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra; os de Xove, en Lugo, e os do Porto do Son, Carnota, Cedeira, Fisterra e Rianxo, na provincia da Coruña, alén de catro portos deportivos (o de Carlos I de Sanxenxo; o Clube de Iates Monte Real de Baiona; as instalacións portuarias da Mariña de Sada; e o porto deportivo Nauta da Coruña).
Pola contra, gañou unha bandeira azul o Concello de Bueu (coa praia de Portomaior) e o de Sanxenxo segue, un ano máis, no topo da listaxa de municipios con máis areais premiados con esta distinción, cos 13 que conservou.
Por que se perden e se gañan as bandeiras azuis?
Segundo declaracións do vicepresidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), José Palacios, a Europa Press, as causas da caída no número de bandeiras azuis en Galiza é que se presentaron en 2008 menos candidaturas que en anos anteriores. Segundo dixo, isto foi debido a que se "endureceron" os criterios para outorgar o distintivo, e algúns concellos optaron por non presentarse.
Ademais, segundo explicou, "nalgunhas praias" a Dirección Xeral de Costas está a facer obras que non han estar finalizadas no verán. Porén, Palacios non falou da calidade das augas na costa galega, e salientou que "tarde ou cedo había chegar o paro, porque en Galiza había moitísimas praias con bandeira, e non se pode manter a liña ascendente".