Unha bióloga galega asistiu en Irlanda á Conferencia Internacional sobre Golfiños Solitarios, onde falou de Gaspar, o "arroaz cangués".
A interese dos famosos Félix Rodriguez de la Fuente e Jacques Cousteau por Nina, arroaz solitario que aparecera en Lorbé nos anos 70; as visitas de Julia en Baiona naqueles mesmos anos; a de varios arroaces sen bautizar na desembocadura do Tambre en 1988; Enol e Ercina, que andiveron por augas da Coruña e Cariño en 1997; Jaimito Mercurio, a quen se lle viu en 2000 na ría de Vigo; o bautizado como Pías, visto en Ferrol entre 2005 e 2006... E así até Gaspar, quen parece ser o mesmo golfiño que hai poucos anos bautizaran Jean Floch en costas de Francia, e que agora foi rebautizado á súa chegada á costa de Galiza.
E o propio Gaspar foi protagonista dunha das intervencións hai poucos días na Conferencia Internacional sobre Golfiños Solitarios, celebrada na cidade irlandesa de Dingle, e a onde acudiron especialistas de todo o mundo. Aló estivo a bióloga Paula Méndez, da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, CEMMA, quen levou a experiencia recollida sobre os arroaces solitarios en Galiza.
A CEMMA leva seguindo a Gaspar desde que apareceu en decembro de 2007 no porto de Cangas. Sobre este tipo de aparicións nas nosas costas, desde a Coordinadora recomendan actuar con relativa "indiferenza" diante da presenza destes animais e "comprensión" para as accións que poidan realizar. "O animal vive ceibe e debemos aprender a ser capaces de convivir con el", explican, " A súa presenza debe ser un verdadeiro orgullo para todos e debemos permitila entre nós mentres el queira". "El nin se queixa da porcallada que son as augas dos portos (lixo, fondo lamacento, aceites, gasoil, augas fecais, etc.) nas que habitualmente vive, e nin lle damos desculpas nin nos esixe limpalas", recordan.