O presidente considera que a subida do prezo da electricidade é unha proposta "obrigada e necesaria".
Emilio Pérez Touriño defendeu este mércores no Parlamento o incremento das taxas eléctricas anunciado polo goberno español. O presidente da Xunta referiuse ao incremento dos custos de produción de enerxía e avaliou que no Estado español os "prezos reais" da electricidade se reduciran nos últimos anos até un 26% "porque non houbo revisión".
Pérez Touriño xustificaba así a suba do 11,3% da tarifa eléctrica e de paso, mostrábase a favor da decisión de eliminar a chamada "tarifa nocturna". Malia as protestas de asociacións de consumidores e mesmo a formación dun colectivo de afectados pola eliminación deste modelo tarifario, do que en Galiza se beneficiaban arredor de 200 mil fogares, Touriño amosouse a prol desa supresión. Ao respecto, falou de estudos segundo os cales o custo real se reducirá para moitos consumidores nun 2 ou 3%, avaliacións cualificadas de irreais por asociacións de consumidores.
O presidente respondía así a unha interpelación do BNG. Na súa intervención, o deputado nacionalista Carlos Aymerich argumentou que "non ten sentido que Galiza pague a enerxía ao mesmo prezo que o resto do Estado" non só polo menor poder adquisitivo senón tamén polo saldo "excedentario" de produción enerxética.
Ao tempo que a consellaría lle pide ao ministerio que manteña o sistema
A posición do presidente do Goberno contrasta coa manifestada outra vez esta mesma semana pola Consellaría de Industria, que apoia que non se elimine a tarifa nocturna. Sobre este asunto, o conselleiro, o nacionalista Fernando Blanco, xa enviara a comezos de ano unha comunicación oficial ao Ministerio de Industria solicitándolle que se mantivese o modelo nos términos nos que xa se aplicou até o de agora, alén das actualizacións periódicas que se realizaran.
Agora, a consellaría contactou co ministerio outra vez para pedir unha "alternativa" á supresión que sexa beneficiosa para os consumidores. Blanco laiouse outra vez do "engano" que con este sistema se introduciu, fomentando o investimento en acumuladores para acceder á promesa dunha tarifa reducida que "agora se suprime e sen argumentos".