O goberno provincial quere aplicar a Lei da Memoria Histórica e promover a revisión das distincións que lle outorgaron ao ditador.
Esta terza feira informabamos de que o ditador Francisco Franco Bahamonde seguía a presidir a Deputación Provincial de Lugo, de xeito honorario (título que se lle concedeu en 1944 e se ratificou un ano a seguir), así como a ostentar certas distincións dende hai décadas.
Esta cuarta feira o xornal galego La Voz de Galicia publica unha información na que, após unha consulta a dous dos tres grupos que conforman o goberno da entidade provincial luguesa, se aseguraba que o título de presidente honorario, concedido ao ditador, vai ser revogado, baseándose na Lei da Memoria Histórica. Así mesmo, vaise proceder á revisión das distincións que se lle concederon a Franco durante a década dos corenta e cincuenta por parte da Deputación. Mais primeiro aínda se ten que desenvolver un pleno do que saia un acordo sobre o xeito no que aplicar a Lei.
A relación de distincións concedidas dende o último terzo do século XIX foi publicada no último número de la revista Lucensia polo xefe de protocolo da entidade provincial, Juan Carlos Rodríguez Pulpeiro.