Nos actos, organizados pola Fundaçom Artábria, participarán profesores e investigadores das tres universidades galegas.
En Ferrolterra prosegue a campaña para acadar o recoñecemento de Ricardo Carvalho Calero como homenaxeado no Día das Letras Galegas 2009. Nesta ocasión a través dunhas xornadas de investigación e estudo que buscarán afondar na figura do profesor ferrolán, primeiro Catedrático de Lingua Galega e figura clave na sociolingüística do país.
As xornadas, que terán como escenario a sala de actos da Vicerreitoria do Campus de Esteiro, en Ferrol, abriranse esta segunda feira ás doce horas, cunha conferencia de Bernardo Maiz, que fará unha contextualización histórica de Carvalho no século XX galego. Seguirá unha palestra de profesor da Universidade de Vigo José-Martinho Montero Santalha, que falará sobre a obra filolóxica de Carvalho Calero. A seguir, ás 18.15, Maurício Castro presentará unha comunicación dedicada a sintetizar as achegas do vello profesor para a sociolingüística galega.
Na cuarta feira, a partir das catro e media da tarde, o professor de Literatura Galega na Universidade da Coruña Xosé María do Barro presentará un relatorio titulada Carvalho Calero: toda umha vida de investigador da Literatura Galega. A xornada do mércores será pechada a partir das seis e cuarto polo escritor ferrolán Henrique da Costa, que falará sobre Os signos identitários da prosa de ficçom de Ricardo Carvalho Calero.
As xornadas péchanse o xoves, con comunicación sobre poesía e teatro, a cargo de dúas profesoras de literatura, especialistas ambas na obra de Carvalho. A docente da Universidade de Santiago, Carmen Blanco, tratará a poesía, mentres que a tamén docente da USC Araceli Herrero Figueroa lerá a palestra Carvalho: Dramaturg e Dramatiker, en que se ocupará da obra dramática do protagonista das xornadas.