O colectivo de seareiros escolleu este ano a cidade de Ourense para desenvolver, en dous días (o 13 e o 14 de xuño) as súas Xornadas Nacionais.
Xa están organizadas as actividades todas das Xornadas Nacionais que cada ano celebra o colectivo Siareir@s Galeg@s, desta volta no CS A Esmorga de Ourense, os días 13 e 14 de xuño. Estes dous días hase defender, máis unha vez, a oficialidade das nosas seleccións nacionais, mais, ao tempo, desenvolveranse unhas xornadas lúdico-festivas, cheas de cousas, que se clausurarán, como cada ano, cun concerto.
A sexta feira 13 de xuño comezan estas actividades, coa súa presentación oficial, por volta das 20:00 horas. Media hora máis tarde procederase a sortear os cruces do torneo de fútbol praia, que comezará o sábado 14, ás 10:00 horas, no paseo ourensán do Barbaña.
A xornada do sábado: fútbol, comer e festa
Tamén no sábado comezará, as 11:00 horas, un mercadiño á beira do Pavillón municipal dos Remedios, onde se desenvolverá tamén unha sesión vermú, amenizada por un grupo de gaiteiros. Ás 14:00 horas está programado un xantar popular e ecolóxico, que sairá da perola dunha polbeira e das mans da Comissom de Agroecologia d'A Esmorga.
Xa de sobremesa, actuará o grupo de teatro amador da Casa da Xuventude de Ourense. Ás 16:00 horas haberá xogos populares, nas pistas de patinaxe do Pavillón dos Remedios, e media hora máis tarde comezará unha palestra no Ateneu. Sobre as 18:00 chega o fútbol, cun partido entre ente de Siareir@s e unha selección de deportistas ourensáns (Campo de fútbol do Pavillón dos Remedios).
Ás 20:00 horas, a comer de novo, outra vez produtos ecolóxicos nunha cea popular nas pistas de patinaxe dos Remedios. De sobremesa, outra volta o teatro, desta vez ofrecido polo grupo As Esmorganas. A xornada pecha cun concerto, ás 21:30 horas, no que han estar, ao vivo, os grupos galegos Ultraqans e Guezos, e os vascos Suspenders e Betagarri.