O ciclista do KGZ quedou a 11 segundos do liderado en Ascó. O mozo aguantou á cabeza da carreira os dez quilómetros finais, axudado polos seus compañeiros.
"Valente e poderoso", así cualifica a Gustavo C. Veloso o KGZ, ao tempo que salienta que nesta cuarta etapa da Volta a Cataluña "rozou a súa maior gloria deportiva" ao quedar a dous postos da vitoria.
O ciclista do Karpin Galicia foi terceiro na meta de Ascó, onde chegou integrado nunha escapada de cinco corredores, logo de cubrir os 217, 2 quilómetros do itinerario entre a localidade tarraconense e a saída na Seu d`Urgell. A etapa gañouna Fedrigo (Bouyges Telecom) e no traxecto perdeu o liderado Cyril Dessel (Ag2r), que pasa a mans de Remi Pauriol (Credit Agricole).
A axuda dos seus compañeiros de equipo
A forza de Veloso notouse nos dez quilómetros finais. Daquela organizouse na cabeza de carreira un cuarteto co ciclista do KGZ, Moreno, Vanendert e Fedrigo, cun quinto corredor, Botcharov, de temoneiro. A diferenza dos escapados a 10 quilómetros de meta era de apenas vinte segundos e seguiría baixando até os doce; pero o esforzo permitiulles volver a estabilizala por riba dos quince segundos. Daquela, puideron chegar á meta con 11 de vantaxe sobre o pelotón. Deulle moita vida á fuga o traballo experto e eficaz de David García e Gustavo Domínguez, moi atentos, na cabeza do pelotón, a controlar todo intento de fuxida, defendendo as opcións do seu compañeiro de equipo, Veloso.
A quinta xornada da Volta a Cataluña disputarase sobre 163, 5 quilómetros entre Ascó e Vendrell.