Apróbase por unanimidade un texto que tamén pide que se teña en conta o fomento da lingua nas empresas de comunicación.
O Parlamento aprobou por unanimidade unha proposición non de lei para que as empresas de comunicación con "altos índices de precariedade" laboral teñan menos opcións á hora de obteren axudas públicas.
A proposición, defendida pola deputada do BNG Modesta Riobó, insta o Goberno a que nas convocatorias se inclúan claúsulas que desincentiven as empresas con emprego precario e lles concedan máis puntos ás que "demostren crear emprego estábel no último exercicio".
No texto pídese que nas convocatorias de axudas públicas, sinatura de convenios e contratación de publicidade con empresas de comunicación se inclúan criterios como a estabilidade laboral e o "incremento real" do uso da lingua galega.
Riobó denunciou que na prensa do país a precariedade acada o 50%, e que algunhas empresas someten os seus traballadores a "xornadas abusivas", estabelecen "horarios precarios" e substitúen "profesionais con experiencia por recén licenciados aos que se lles paga menos", ademais de abusar do "persoal en prácticas" e dos "falsos autónomos", o que redunda na calidade do traballo.