O ciclista do KGZ retirouse tras ser un dos corredores máis prexudicados na accidentada segunda etapa da rolda catalá.
O ciclista do Karpin Galicia Ezequiel Mosquera, con fractura de clavícula e do dedo maimiño dunha man, ademais dunha lesión no costado, foi un dos corredores máis prexudicados na accidentada segunda etapa da Volta a Cataluña (entre Banyoles e A Seu d'Urgell, de 191,9 quilómetros). O ciclista de Teo (A Coruña) caeu no descenso do porto de categoría especial, a uns sesenta quilómetros de meta, e tivo que abandonar a carreira.
Segundo Álvaro Pino, a caída produciuse porque nun momento do descenso Ezequiel mirou cara atrás para comprobar como viña a carreira, e tocou coa roda dianteira no peitoril do borde da estrada". Para o director deportivo do KGZ, dentro do que puido ser, Mosquera tivo sorte, porque puido caer polo barranco. Aínda hai que agardar para saber do alcance da lesión.
O triunfo de etapa e o liderado foi para o francés Cyril Dessel (AG2R-A Mondiale), que aproveitou os dez quilómetros finais de arriscado descenso cara a meta para marchar en solitario.