Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Premio de Estado da Federación Rusa

Jacques Chirac recibe o 'Nobel' ruso 2007 ao Labor humanitario

En 2006, o ex presidente francés condecorou o seu homólogo e amigo Vladimir Putin coa orde da Lexión de Honra.

Redacción - 18:50 21/05/2008

O ex presidente francés Jacques Chirac foi galardoado co Premio de Estado da Federación Rusa 2007 ao Labor humanitario, similar aos Nobel ou aos antigos Premios Lenin. A distinción recoñece os servizos prestados polo galo a prol do estabelecemento de lazos culturais entre Francia e Rusia. O Premio de Estado é o único galardón que pode ser recibido por un estranxeiro.

O interese pola cultura rusa de Chirac, que traduciu o clásico de Alexander Pushkin Evgeny Onegin ao francés hai anos, é coñecido, como tamén o é a súa amizade co primeiro ministro ruso, Vladimir Putin. Debido a esta relación co daquelas presidente de Rusia e polo apoio que lle deu en diversos asuntos, Chirac foi criticado polos países occidentais. Finalmente, ambos os dous líderes acabáronse distanciado.

Putin ignorou numerosas invitacións para visitar Francia e non incluíu Paris no itinerario da súa primeira viaxe a Europa. Porén, no ano 2000, Putin reuniuse con Chirac despois dunha cimeira entre a UE e Rusia na capital francesa e recuperaron a relación, que se afianzou cando xunto con Alemaña rexeitaron apoiar a EUA na invasión de Iraq.

Ausencia de críticas ao goberno ruso

Pouco a pouco, as críticas a Rusia polo conflito en Chechenia e pola situación de determinados dereitos civís foron desaparecendo das declaracións institucionais do presidente francés. Ademais, tamén xunto co goberno alemán bloquearon a postura de moitos novos estados membros da UE que pedían endurecer as relacións co goberno ruso.

En 2006, Chirac condecorou a Putin coa orde da Lexión de Honra, distinción que provocou a oposición, en Francia e noutros países, de diversas asociacións en defensa do dereito de expresión en Rusia. O presidente francés estaba inmerso en varios escándalos financeiros cando deixou o posto en 2007, ano polo que recibe o Premio do Estado de Rusia.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: