O Goberno recoñece que alén da negociación multilateral no Consello de Política Fiscal e Financeira, tratará directamente a proposta galega co executivo español.
"Hai un obxectivo de busca de consenso e unanimidade", subliñaba o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, á saída este martes da xuntanza cos conselleiros do ramo de todo o Estado e mais co vicepresidente e ministro de Economía do goberno español, Pedro Solbes. Fernández Antonio, salientou que na súa opinión e polo percibido na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, CPFF, será posíbel que a revisión do modelo de financiamento poderá ser "consensuado entre todas as comunidades autónomas".
O conselleiro citou como unha das claves para resolver o debate o avance na autonomía financeira, "que permita instrumentar políticas fiscais en relación ás necesidades do territorio". Nesa liña, admitiu que alén do debate conxunto no que o goberno español insiste en que se produza a negociación, a partir de agora si haberá contactos "bilaterais" co executivo estatal.
Ao fío, recordou que a proposta galega defende que para a revisión, aparte da poboación, se teñan en conta factores específicos "que determinan uns custos especiais ou maiores para diferentes comunidades autónomas", isto é, que o elemento de poboación se ten que modular por elementos que determinen os custos dos servizos públicos, como son por exemplo o envellecemento da poboación ou a dispersión, "que determinan tanto o custo diferencial de prestación de servizos, como o custo de accesos".
Negociación bilateral compatíbel co debate no CPFF
Entre o resto de conselleiros que asistiron á xuntanza, o de Economía da Generalitat catalá, Antoni Castells, descartou que a formulación de Solbes "entre en contradición" cos principios establecidos no Estatut. Subliñou que o novo sistema é "un tema urxente" e que había "un atraso excesivo na cuestión de abordar a súa reforma". "O goberno de Cataluña ten vontade de que esta revisión, polo que se refire ao financiamento, se faga de acordo con aquilo que prevé o Estatut, como é lóxico, en canto a prazos, como contidos e procedementos", destacou.
Ao respecto, Castells recordou que o guieiro marcado polo Estatut " ten un carácter en moitos aspectos bilateral", pero rexeitou que ese camiño entre en colisión coa participación nos debates do CPFF, "nin sequera co feito de que o este adopte os acordos pertinentes", dixo.
"Non haberá datas sagradas", di Solbes sobre os prazos esixidos por Cataluña
O vicepresidente económico do goberno español, Pedro Solbes, expuxo media ducia de principios que cualificou de "esenciais" para a reforma do financiamento autonómico. Así, o Estado, para asegurar a unidade de mercado, reservarase en exclusiva os recursos provenientes do Imposto de Sociedades".
Tamén se referiu ao obxectivo de asegurar a suficiencia financeira do Estado, de acordo co peso das súas competencias, indicando que no momento actual suporía" manter, polo menos, o 50% do gasto público". Comentou ademais o compromiso de garantir que todos os cidadáns," independentemente de onde residan, teñan igual acceso aos servizos públicos fundamentais, e que todas as comunidades autónomas poidan financiar as súas competencias". Por último citou a necesidade de introducir correccións no sistema actual que teñan en conta a evolución da poboación e outras variábeis que beneficien as comunidades menos dinámicas, aumentar a cesión de impostos e potenciar a corresponsabilidade fiscal a nivel autonómico, permitindo "espazos fiscais propios" que posibiliten as decisións de maior gasto que unha comunidade poida adoptar.