Medio Rural e XXAA móstranse optimistas tras a presentación das alegacións a pesar da protesta do SLG pola falta dun prezo mínimo para o leite.
Semana decisiva para o sector lácteo galego. Segundo as perspectivas de Medio Rural e Xóvenes Agricultores (XX.AA.) o xoves podería ser a data na que industrias e gandeiros plasmen a súa vontade de colaboración nun contrato homologado. Con este acordo, lograríase evitar a desconfianza dos produtores á hora de entregar o leite por non saberen canto van recibir por el.
Segundo o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, existen "bases suficientes para que se produza o acordo". Do mesmo xeito, o secretario xeral de UU.AA., Roberto García admitiu estar convencido do "consenso para un contrato homologado a nivel estatal e en Galiza", baseados nas alegacións presentadas pola industria e os gandeiros, nas que se expresa a "vontade para chegar a un acordo".
Porén, aínda non está todo decidido. A fixación dun prezo mínimo supón un atranco para o Sindicato Labrego (SLG), feito ao que Medio Rural replica indicando que o feito de que non se poida producir neste documento un acordo de prezos mínimos "non significa" que este non apareza recollido no contrato individual que o gandeiro asine coa súa respectiva industria e garantiu que si quedará estabelecido.
Mínimo: 0,45 céntimos
O SLG fixou en 0,45 céntimos o prezo mínimo que as industrias deberían pagar polo leite, feito que foi criticado por XX. AA., quen advertiron de que condicionar a súa subscrición ao documento a que recolla un prezo é como "facer trampas a un mesmo", e considerar dende un principio a "ilegalidade" do contrato.