O ex deputado do PP, agora presidente do Consello Económico e Social, di que a Xunta se comporta "como promotora inmobiliaria".
Pablo Egerique / Imaxe: Galegos.info
O presidente do Consello Económico e Social (CES), Pablo Egerique, acusou a Xunta de comportarse "máis como un promotor inmobiliario que como unha administración pública". Egerique citou como exemplo a decisión da cesión do 40% de solo dos municipios a vivenda protexida.
Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, Egerique considerou que "a Xunta debe ser máis flexíbel con esta norma" e asegurou que aínda que lle "gusta de entrada o 40%", atopa un defecto na "súa rixidez" de aplicación. "Eu creo que que o feito de estabelecer nun momento determinado esa cantidade vai retraer a construción", asegurou. "A Consellaría de Vivenda fixo un rexistro de solicitudes, iso tería que ser o barómetro para estabelecer a necesidade de vivenda protexida, pero con certa flexibilidade", propuxo.
Egerique criticou que o Goberno se preocupe máis por contestarlle que "por seguir as recomendacións" que conteñen os ditames da institución consultiva. Ao respecto, insistiu en asegurar que actúa con "independencia política" na realización dos informes.