Danlle unha vantaxe de 14 puntos sobre os laboristas en intención de voto, o que se traduciría en dez deputados máis.
O 16 de maio de 2007, o líder do Scottish Nationalist Party (SNP), Alex Salmond, era designado primeiro ministro polo parlamento de Escocia. Un ano despois, as enquisas amparan o labor dos independentistas á fronte do goberno.
Segundo unha sondaxe publicada esta semana, de celebrárense eleccións lexislativas os de Salmond conseguirían 14 puntos de vantaxe sobre o Partido Laborista. Isto traduciríase en dez asentos máis na cámara de Holyrood para o SNP; é dicir, pasaría de 47 a 57, mentres que os laboristas perderían dous, e ficarían con 44.
O 31% dos escoceses apoiarían a independencia
Unha outra enquisa difundida este venres polo programa de televisión Politics Now da STV reflicte que o 31% dos escoceses votarían a favor da independencia, por un 43% que o faría en contra e un 26% que decidiron non contestar. No entanto, o apoio á secesión varía do 19% ao 41% dependendo da consulta.
Neste senso, a deputada do SNP Nicola Sturgeon -que ocupa un cargo equivalente ao de vicepresidente do goberno- valorou estes últimos resultados como unha mostra de que "non hai nada decidido". "Nós presentaremos as nosas propostas para organizar un referendo en 2010 e deixarlle ao pobo que decida", dixo.