Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Denuncia da CIG, 25 anos despois de nacer a norma

Todos os gobernos galegos incumpriron a Lei de Normalización Lingüística

Á denuncia do sindicato súmase outra da Mesa, que alerta de que máis do 40% dos centros de Educación Infantil incumpren o decreto do galego no ensino.

Redacción - 19:35 15/05/2008

A CIG denunciou os "sucesivos incumprimentos" da Lei de Normalización Lingüística por parte dos diferentes gobernos galegos no seu 25 aniversario. O secretario nacional da de Administración do sindicato, Xosé Carlos Crespo, considerou que esta falta de cumprimento se debe á ausencia de "vontade política" que provocou a perda do uso do galego a nivel social en xeral e na administración pública en particular.

Por iso, a CIG está a promover unha campaña que busca fomentar o uso do idioma no ámbito da administración pública dirixida aos traballadores e que coa que esixir aos responsábeis políticos o cumprimento da legalidade. A iniciativa, que terá continuidade ao longo do ano, prevé que se repartan dípticos en todos os centros de traballo e continuará coa distribución doutro cartel coa convocatoria dun encontro de delegados para "concienciar sobre a normativa e promover o coñecemento da lexislación".

O galego no ensino
A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou que o 43,1 por cento dos centros de educación infantil están a incumprir o decreto do galego no ensino, no que se recolle que o noso idioma debe utilizarse canda menos no 50 por cento das clases. Segundo os datos recollidos nun informe elaborado a partir de 170 centros de ensino, arredor do 40 por centro das escolas imparten tan só unha ou menos horas diarias de clase en galego.

A situación agrávase nas sete cidades, onde a porcentaxe de uso do galego na escolarización de nenos e nenas de 3 anos medra até o 69,8 por cento e na dos de 4 e 5 anos até o 63,5 e 62,2 por cento respectivamente. En comparativa, os centros privados son os que máis vulneran a normativa, chegando a cifras do 89,7 por cento en 3 anos; 80 en 4 anos e 83,4 por cento en nenos de 5 anos.

Estes datos mostran, segundo a Mesa, a "política letal para o galego que está a seguir a Consellaría de Educación, que só utilizou o galego para lavar a cara e aparentar que cumpría a Carta Europea das Linguas Minoritarias e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega".

'En Galiza, en galego. Temos dereito'
Por outra banda, con motivo da celebración o día 17 do Día das Letras, varios integrantes de Galiza Nova despregaron o mediodía do xoves na catedral compostelá unha pancarta co lema En Galiza, en galego. Temos dereito para chamar aos mozos do país a que utilicen a lingua en todos os ámbitos da súa vida.

A secretaria xeral da organización, Iria Aboi, explicou aos medios que con esta iniciativa buscan animar á mocidade para que utilice o galego en todos os espazos sociais, como o ocio, o deporte e o traballo, e destacou a importancia simbólica de este aspecto na capital galega.

Touriño di que "fracasarán" os intentos de dividir a cidadanía pola lingua, e Quintana salienta que o galego é unha "marca distintiva" das empresas


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A CIG está a promover unha campaña para promover o uso do galego entre os traballadores
A CIG está a promover unha campaña para promover o uso do galego entre os traballadores
O presidente da Mesa, Carlos Callón, acompañado por un membro da Quadernas-Consultoría, que elaborou o informe
O presidente da Mesa, Carlos Callón, acompañado por un membro da Quadernas-Consultoría, que elaborou o informe