Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ALFONSO ÁLVAREZ CÁCCAMO

"Meu pai era un traballador de fondo, con poucas arelas de facenda; traballaba por amor á cultura"

O novelista repasa a relación de seu pai cos seus fillos e analiza a súa personalidade, salientando a forma en que realizaba o seu labor de xeito calado e silandeiro.

Marcos S. Pérez - 11:39 18/05/2008

Alfonso Álvarez Cáccamo é o segundo fillo de Álvarez Blázquez. Ten publicado tres novelas: Peito de vimbio (Premio Café de Catro a Catro en 1988), As baleas de Eduardo Reinoso (Premio Xerais en 1990), e O espírito de Broustenac (Premio García Barros en 1996), así como varios libros de relatos. É autor, tamén, da Biografía de Xosé María Álvarez Blázquez (1994) e das traduccións para o galego das novelas escritas por seu pai en castelán Na vila hai caras novas (1993) e Enchen as augas (1995).

Como era Xosé María Álvarez Blázquez? Como era a relación convosco, cos fillos?

Era unha persoa entrañábel, comunicadora, caseira, faladora, tanto que cando el falaba era difícil coller cancha. E sempre se preocupou por nós, polos nosos problemas de rapaces. E fundamentalmente era un home moi traballador; de feito a principal lembranza que teño del é o son das súa máquina de escribir, que para nós era como unha nana, unha canción de berce, tanto que por un efecto reflexo, como o de Pavlov, éranos difícil coller o sono se non o escoitabamos. Lembro tamén cando eramos moi pequenos e nos lía poemas, sobre todo dun libro de poesía afroamericana. E lembro moi vivamente as excursións que faciamos con el nun coche común, da empresa, que compartía con Viñas Cortegoso.

Os fillos estabades implicados no seu traballo, ao tanto das investigacións ou obras coas que estaba en cada momento e da actividade da editorial?
Si, nós acompañabámolo ás excavacións, por exemplo ás das Gándaras de Budiño. E sobre todo pasabamos moito tempo metidos na súa libraría, na Monterrei, que para nós era unha diversión, un tesouro, perdidos entre tantos libros. E si, dábanos conta do que facía. Cando máis implicado estiven co seu traballo foi o ano que traballei con el na editorial, cando eu tiña uns 18 anos. Alí coñecín a Darío Xohán Cabana, e aínda que eu era moi novo, fun partícipe e testemuña de todos os atrancos que tivo que ir superando meu pai.

Cres que o seu labor editorial, fundamental para a cultura galega está suficientemente recoñecido?
É certo que os libros que foi sacando Castrelos, nas edicións de Pombal, do Moucho..., foron moi importantes: perto de 800.000 libros editados, 238 puntos de distribución, dende librarías a tabernas e ferraxerías. Eu vivín moi de perto algún dos lanzamentos que fixo, que foron fundamentais para o nacementos e supervivencia da editorial, coma o do catecismo do labrego, tivo un éxito impresionante. Lembro ir ás feiras a vendelo con meu pai, e como a xente o mercaba e o lía en clave antifranquista.

Ti que traduciches as súas novelas castelás ao galego, cres que aínda fica falto dun meirande recoñecemento como autor, quizais oculta esta faceta polas súas outras actividades?
A editorial sempre lle restou moito tempo, e a verdade é que como escritor sempre se moveu de xeito cíclico. Pero tamén hai que ter en conta que el escribiu moito máis que os tres ou catro libros de poemas que sempre se teñen en conta. Por iso fiquei moi contento ao ver a publicación da 'Poesía galega completa', pois a súa produción inédita era tan importante como o corpus publicado.

Homenaxeando a Álvarez Blázquez homenaxéase a figura do intermediario, tan importante para a construción dunha cultura, para tecer as redes entre os autores, e entre estes e a sociedade?
Meu pai era un traballador de fondo, con poucas arelas de facenda; traballaba por amor á cultura. Morreu prematuramente, pois para un intelectual a idade dos 70 sempre é prematura, e por exemplo deixou sen concluír un dos proxecto nos que máis empeño puxo, que foi a escolma da poesía galega nos séculos escuros, na que non puido traballar nos últimos anos da súa vida, debido a unha molesta ferida na man. Fixo moito traballo silandeiro e fuxiu da fachenda. Por exemplo no traballo de Vigo en su historia, asinado a medias entre Cunqueiro e Álvarez Blázquez foi realizado integramente por meu pai, aínda que saíu deste xeito porque interesaba comercialmente. Pero os seus intereses eran outros, porque amaba Galiza e a cultura galega. Eu agora penso que debería ter sido máis listo.

Como era a súa relación coas persoas da súa xeración, cos intelectuais e profesionais que pasaban pola vosa casa? E cal era a vosa relación con eles?
El tivo dous grandes amigos na súa vida: Xan Vidal, e Celso Emilio Ferreiro. De feito, na morte de Celso Emilio foi unha das poucas veces que o vin chorar. Despois tiña unha admiración moi grande por Otero Pedrayo, que creo que era recíproca; para el Otero era o modelo de intelectual profundo e sabio. E tamén mantiña unha relación moi estreita con Cunqueiro, Fernández del Riego e outros. E con Bouza Brey, a quen defendeu de sectores do galeguismo que eran máis reaccionarios e que o atacaron moito.

Para min, en concreto, foi un verdadeiro privilexio coñecer estas persoas, aínda que durante moito tempo non me dese de conta da súa importancia. Pero xa dende que fun adolescente comecei a decatarme a sorte que tiña de coincidir con estas persoas. Porque ademais da xente de aquí, viña xente de fóra, intelectuais doutros países, sobre todo de suramérica, que moitas veces tomaba a nosa casa como punto de referencia para facer contactos.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: