O teleobxectivo dun reporteiro capta un informe da ministra británica da Vivenda que prevé unha caída nos prezos do 10%.
Aínda que o primeiro ministro británico, Gordon Brown, se afana en salientar a fortaleza do Estado para afrontar os efectos negativos da crise hipotecaria, o certo é que a información que manexa o seu Gabinete apunta noutra dirección.
Esta cuarta feira, o xornal The Times levaba á primeira páxina un informe interno que a ministra de Vivenda, Caroline Flint, levaba na man de camiño a unha xuntanza no 10 de Downing Street.
O documento captado polo teleobxectivo dun reporteiro contiña, entre outras cousas, a previsión de que os prezos do mercado da vivenda en Gran Bretaña podería caer un 10 % en 2009 "no mellor dos casos", e que o número de embargos "vai en aumento".
Flint minimizou o incidente, declarando que as notas non representaban as previsións oficiais do goberno senón simplemente as opinións de analistas. Mais o certo é que entre os apuntamentos que levaba preparados para a xuntanza ministerial, os expertos advirten de que cómpre prepararse para un empeoramento da situación.