Os veciños dunha aldea do municipio da Veiga que desapareceu pola construción do encoro reviven a súa historia constituíndo unha asociación.
Un 14 de maio de 1958 as augas comezaban a asolagar as terras da Albergaría, no municipio valdeorrés da Veiga. Seiscentas persoas deixaran atrás as súas casas para deixarlle sitio a un encoro programado polas autoridades franquistas. Precisamente, pouco máis de tres anos despois, en setembro de 1961 o ditador, acompañado da súa dona, Carmen Polo, inaugurou o encoro de Prada, propiedade da empresa Hidroeléctrica Moncabril.
Mais a memoria non hai xeito de pechala baixo a auga. E aínda que as casas e os agros quedaron asolagados, os veciños que un día tiveron que deixar todo atrás nunca esqueceron cal era a súa patria pequena. Un exemplo é que cada 15 de agosto os veciños celebran a festa patronal á beira do río Xares, algo que tamén fan os que tiveron que marchar para Bos Aires.