A proposta recoméndalle ao Ministerio de Industria que equipare as facturas ao custo real da enerxía eléctrica.
A comisión española da enerxía (CNE) recoméndalle nun informe ao Ministerio de Industria unha suba do 11% na factura da luz dende o 1 de xullo. A decisión, tomada con seis votos a favor e tres en contra, responde á idea dos técnicos da comisión de reflectir no recibo o custo real da enerxía.
É a primeira vez que a CNE lle recomenda ao ministerio a suba de prezos. Até agora, era Industria quen lle remitía unha proposta trimestral de revisión ao regulador, que elaboraba despois unha opinión non vinculante. A partir de agora, será o ministerio o que tome a decisión final das propostas emitidas polo regulador enerxético.