O Concello do Porriño e Consellaría de Cultura editan un DVD no que poetas e grupos musicais interpretan ao autor, dende o rock até a música electrónica.
O grande obxectivo da iniciativa do Concello do Porriño é achegar a palabra de Álvarez Blázquez á sociedade, empregando soportes, formatos e linguaxes que van máis aló do papel e da escrita. Así, inclúense media ducia de cancións, a partir dos poemas Ao ver que non tiñas nome e Era un airiño soave; está a gravación orixinal de 1969 realizada pola Coral Polifónica do Círculo Recreativo Cultural da vila, outra realizada por Uxía, Héctor Lorenzo e Quin Farinha, unha versión rock realizada por El Cubo, unha hip-hop a cargo de Kedro e DJ.Kiko e mesmo unha house de Marcos Legazpi, Jazzp e Marta Quintana.
No DVD participan tamén tres dos fillos de Xosé María Álvarez Cáccamo: Xosé María, Alfonso e Celso, que len poemas e cartas de seu pai. Ademais, inclúense as voces de Manuel Forcadela, Luz Pozo, Román Raña, Xavier R. Baixeras, Xavier Seoane, Marga do Val e Manuel Vilanova, que len textos propios e do homenaxeado. O outro valor do DVD é a incorporación da voz do propio Álvarez Blázquez, nunha gravación de 1968 no programa 'Poetas de Galicia' de RNE.
Albino Alonso, da biblioteca do Porriño, destacou que esta nova acción enmárcase na filosofía do centro, que considera que debe ir máis aló do préstamo de libros ou de lugar de estudo ou lectura. Alonso considera que as bibliotecas deben servir para a recuperación da memoria histórica e a normalización lingüística, así como buscar o impacto económico que xogan nas sociedades "ás que serven".
Luz Pozo, que participou na presentación que tivo lugar este luns no CGAC, mostrou o seu orgullo porque ela, xunto a Víctor Freixanes e Darío Xoán Cabana, propuxo na RAG a figura de Xosé María Álvarez Blázquez para a homenaxe deste 17 de maio.