O fallo detectouse nun código escrito en 1983 para o sistema BSD, que herdaron todos os seus descendentes.
Aínda que o software libre se caracteriza pola rápida resolución dos erros que se detectan, esta semana bateuse unha marca histórica: un fallo que levaba 25 anos sen resolverse... porque ninguén o detectara antes. O erro data do ano 1983 e afecta ao sistema operativo BSD e todos os seus descendentes, incluído o Mac OS X.
Un desenvolvedor de OpenBSD, Marc Balmer, recibiu unha mensaxe dun usuario que atopara un fallo nun programa. Despois de analizalo, chegou á conclusión de que o problema afectaba ao xeito en que os sistemas BSD len directorios, e que xa existía en agosto de 1983. Afortunadamente, agora xa está resolto.