Entre as novidades para este ano está o plan de "Adopción de Ríos", que busca involucrar máis os cidadáns coa protección dos ecosistemas fluviais.
Máis de dous milleiros de persoas levan participado xa no Proxecto Ríos, a través de arredor de 250 grupos de voluntarios, cada un deles con entre 2 e 25 persoas. Segundo explicou Virxinia Rodríguez, coordinadora desta iniciativa deseñada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, para esta nova edición búscase que os voluntarios "sexan máis activos e asuman un maior compromiso cos ecosistemas fluviais superando os niveis de coñecer o entorno e realizar inspeccións para comprobar o estado de saúde dos ríos, e entrar así nunha nova dinámica de Adopción de Ríos".
Con esa meta estabeleceuse un convenio coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, asinado este luns, e destinado a relanzar os obxectivos de educación e voluntariado ambiental deste "Proxecto Ríos". No marco desta iniciativa vanse desenvolver diversas actuacións: itinerarios organizados, asesoramento e coordinación aos voluntarios, realización de controis e inspeccións nos ecosistemas fluviais para comprobar a súa situación medioambiental... O proxecto inclúe actuacións destinadas á recuperación de ríos, con limpeza de canles, plantación de árbores ou acondicionamento e sinalización do entorno.